MEIS> O concello de Meis presenta a súa programación cultural para conmemorar o 8M. Ademais da lectura do manifesto, o goberno local celebrará charlas, obradoiros, obras de teatro ou andainas, entre outras iniciativas. O obxectivo é involucrar e concienciar á veciñanza e, especialmente, á xente máis moza.
O concello de Meis presenta a programación cultural e educativa que levará a cabo nas vindeiras datas para conmemorar o 8m, o día internacional da muller. As actividades comezaron co concurso de carteis nos centros educativos, cuxo gañadores foron os alumnos de infantil do CEIP Armenteira. O propio día a conmemorar, terá lugar a lectura do manifesto co alumnado do CPI de Mosteiro.
O propio día pola tarde terá lugar un taller titulado Mulleres na historia e na diversidade. O día 12 celebrarase a obra de teatro A Cavaleira. A programación está destinada a toda a veciñanza e especialmente, aos máis mozos, co obxectivo de implicalos e conciencialos na loita contra a violencia de xénero. Precisamente para eles, desenvolveranse diferentes exposicións e accións formativas nos centros educativos.
O concello homenaxeará este ano ás entidades deportivas que traballan na igualdade no deporte.
Esta acción complementarase coa pintada de murais feministas nos diferentes campos de fútbol da vila. A programación pecharase o día 13 cunha andaina solidaria.
Coa inscrición na andaina, o concello pide unha colaboración de 3 euros. Unhas doazóns que serán destinadas ao colectivo feminista de Pontevedra. Dende a asociación xa anunciaron que destinarán estes cartos a realizar unha campaña de concienciación contra a prostitución.