Telmo Martín non renuncia a gobernar en Pontevedra

    telmovideo_100_070607.jpgPONTEVEDRA > Unha cousa é formar goberno e outra gobernar. Así de contundente se manifesta o candidato popular por Pontevedra.

    Telmo Martín cre que o pacto BNG-PSOE será moi negaivo para o desenvolvemento do concello e insiste en que son os únicos cun programa de futuro para Pontevedra. Un programa que non renuncian a levar a cabo. O alcaldable popular, coa súa habitual ‘claridade crúa e descarnada’, como a cualificou o presidente do PPdeG, asegurou que non renuncian a levar adiante o seu programa ‘pero para iso terán que contar coa axuda dun concelleiro máis’, en clara referencia á posibilidade de que algún edil do bipartito apoie o proxecto de Martín.

    Pola súa banda Alberto Núñez Feijoo asegurou que Telmo é o único lexitimado para gobernar e comparouno co candidato do PSOE en Lugo. ‘Telmo Martín e López Orozco son os líderes con maior apoio de toda Galicia. Orozco, do PSOE, vai gobernar e Telmo non’. Pero non foi a única comparación. Feijoo tamén recordou que Simancas e Sebastián dimitiron en Madrid con máis apoios dos que Lores ten en Pontevedra e preguntábase ‘con que lexitimidade vai gobernar o BNG nesta situación’.

    Respondendo a preguntas dos xornalistas, Martín insistiu en que non quere ningún posto na Deputación e que as súas aspiracións a curto e longo prazo están no concello de Pontevedra.

    Redacción Salnés