A empresa ‘Sanal’ procedeu á desinfección do colexio Brea Segade

    pragapulgasbreasegade_100_120607.jpgRIANXO > O executivo rianxeiro cumpriu co compromiso adquirido co Colexio Brea Segade de Taragoña, despois de que os pais …

    … fixeran pública a existencia dunha praga de pulgas e ratos no centro escolar. Os técnicos da empresa ‘Sanal’ procederon á fumigación dun pequeno foco de pulgas no exterior do centro e á desratización na sala de profesores.

    Os técnicos da empresa ‘Sanal’ desprazáronse na tarde do luns ata o colexio Brea Segade na parroquia rianxeira de Taragoña para examina-las instalacións en busca da praga de pulgas, denunciada hai uns días polos pais dos alumnos e a dirección do centro.

    Os operarios constararon a existencia dun pequeno foco de parásitos no patio exterior, provocado posiblemente pola presenza dalgún animal. Alí, procederon á desinfección da zona que non foi precisa no interior das instalacións posto que non se detectou a presenza de pulgas. Pola contra, si se localizou un pequeno rato na sala de profesores polo que se procedeu á desratización da estancia.

    Normalidade nas clases

    Os traballos de desinfección leváronse a cabo arredor das catro e media da tarde, cando non había actividade no centro escolar, e prolongáronse ó longo de dúas horas. O produto desifentante utilizado presentaba un prazo de seguridade de doce horas, transcorridas as cales pódese permanecer nas instalacións sen ningún risco, polo que non foi preciso suspende-las clases.

    A directora administrativa da empresa ‘Sanal’, María Mosquera, indicou que a intervención non foi complexa dado que a praga estaba moi localizada e non era importante. Agora, deberá transcorrer un prazo de entre sete e dez días para ver a efectividade da desinfección. Será entón cando os técnicos volvan ó colexio Brea Segada para supervisa-las instalacións e comprobar que se procedeu á total eliminación dos parásitos.

    Redacción Barbanza