Oposición veciñal á construción dun muro en Aguiño

    RIBEIRA > Varios veciños da Rúa das Américas na parroquia ribeiresa de Aguiño veñen de denunciar a construción dun muro por parte dun particular nun dos laterais da vía pública. Segundo eles a obra é ilegal ó non contar co correspondente permiso municipal.

    A construción dun muro na Rúa das Américas en Aguiño está a levanta-lo malestar entre os veciños da zona, xa que consideran que a obra carece de permiso por parte do concello.

    Segundo eles a situación deriva de antigo, cando o mesmo propietario agora denunciado se negou a ceder parte do seu terreo para a construción das beirarrúas, causando un grave prexuízo ós residentes na zona.

    Os veciños queixanse tamén da deixadez por parte da alcaldía, que a pesar das denuncias realizadas non enviou á zona a ningún técnico nin a Policía Local para realiza-lo correspondente informe.

    Aínda así dende o concello ribeirés afirmáronlle a esta redacción que os técnicos municipais se personaron no lugar para supervisa-la obra, comprobándose que a actuación non conta coa licenza correspondete, polo que se ditará unha orde de paralización e o propietario teña que derruba-lo muro.

    Redacción Barbanza