Un mozo mata a outro en Cambados mentres xogaban coa videoconsola

    CAMBADOS > Un cambadés de 24 anos faleceu a primeira hora da tarde por unha puñalada presuntamente dada por un amigo. Os dous mozos xogaban cunha consola na casa dos pais do morto cando, por causas descoñecidas comezaron a discutir e se produciu a agresión mortal.

    asasinato_cambados_300_1306.jpgTodo ocorreu nunha casa de Oubiña, xunto ó polígono industrial de Cambados. O falecido, Marcos Muñiz Calviño de 24 anos xogaba cun amigo de Corvillón cunha Play Station. Por motivos que se descoñecen, os dous comezaron unha discusión e o de Corvillón deulle unha puñalada polas costas a Marcos Muñiz que resultou mortal. Algúns veciños aseguraban esta tarde que a discusión puido ser por ciumes anque tamén se falaba dun posible problema de drogas, xa que o agresor é consumidor. Tamén contaban que o mozo non faleceu de inmediato. A familia aínda tivo tempo de chamar a unha ambulancia pero xa nada puido facer polo mozo. O agresor quixo saír fuxindo pero puido ser alcanzado pola nai e a irmán da vítima. Incluso se cre que puido haber un forcexeo xa que o presunto agresor perdeu un reloxio na eira cando trataba de saír. Actualmente permanece no cuartel da Garda Civil de Cambados. Ata a casa achegáronse numerosos familiares de Marcos Muñiz, unha das primeiras a moza que ó parecer está embarazada de seis meses. Tanto ela como a nai marcharon a primeira hora da tarde coa Garda Civil. O resto da familia esperou na casa o levantamento do cadáver.

    Redacción Salnés