Susana Fernández Trelles será a concelleira de Facenda de Sanxenxo

    susanafdeztrelles_edilfacendasanxenxo_100_130607.jpgSANXENXO > A alcaldesa en funcións, Catalina González, anunciou esta mañá o nome da nova concelleira de Facenda, Economía e Emprego.

    Susana Fernández Trelles ocupaba o número 8 da candidatura do PP de Sanxenxo que encabeza Catalina González . Anque nacida en Noalla en 1969, Susana Fernández criouse en Vilalonga, onde vive. É licenciada en Económicas e Empresariais pola Universidade de Vigo e considera ‘un privilexio poder implicarse na vida social e política’ do lugar no que vive. Asegura que ‘é un gran honor pero tamén unha grande responsabilidade’ que asumirá aportando toda a súa formación académica, laboral e persoal.

    Susana Fernández asegura que se sumou a este proxecto porque entende que a política é necesaria e por tanto digna de toda atención, participación e compromiso por parte de tódolos membros dunha sociedade. ‘Non hai comunidades libres sen o exercizo permanente, consecuente e publicamente asumido da política’, engadiu. Neste sentido, a futura edila resaltou que lle gustaría involucrarse de xeito patente naquelo no que cre xa que entende que ‘unha idea política é unha forma de facer, non unha forma de ser’.

    Fernández Trelles asegura estar xa inquieta e con ansias de tomar contacto coas súas novas funcións para concretar un plan de traballo e uns obxectivos que espera levar a cabo ‘sendo sempre accesible e honesta’.

    Redacción Salnés