RIBADUMIA> Este mércores conmemórase o Día da Infancia. En Ribadumia, a rapazada do colexio Julia Becerra Malvar participou hoxe en distintas actividades para celebrar esta data. Acompañados polo alcalde, deron tamén lectura a un manifesto para reivindicar os seus dereitos, comezando por algo tan simple como o dereito que deberían ter todos eles a ser felices.
Así, un por un, foi desfilando a rapazada de 6º de primaria do colexio Julia Becerra Malvar para dar lectura a un manifesto polo Día da Infancia. Unha xornada que se celebra cada 20 de novembro, para conmemorar que as Nacións Unidas aprobou en 1959 a Declaración dos Dereitos do Neno e a Nena. Aquí, neste centro escolar ribadumiense sumáronse a esta xornada con múltiples actividades. Ademais desta lectura en grupo, a rapazada asistiu a un taller didáctico-científico.
O concello de Ribadumia colabora co centro na organización destas actividades. Esta mañá visitou o Julia Becerra Malvar o alcalde xunto con parte do equipo de goberno. David Castro dirixiouse á rapazada para explicarlles a importancia de reivindicar os seus dereitos aquí e no resto do planeta.
A xornada incluíu tamén o pendurado de lazos azuis por parte de toda a rapazada. Cada un deles atou o seu distintivo, como unha forma de lembrar que tódolos nenos e nenas deberían poder gozar dos seus dereitos. Para rematar, todos xuntos, fixeron esta foto de familia, como mostra de que en Ribadumia a rapazada está moi unida na defensa dunha infancia feliz.











