O alcalde da Illa defende a suba do lixo ás VUT e di que a sentenza que a anula só afecta a un caso

A ILLA> Unha sentenza anula a taxa do lixo que A Illa de Arousa impuxo ás vivendas de uso turístico. A denuncia parte dun particular, propietario dun establecemento deste tipo. O concello entende que o auto só lle afecta a el, polo que se lle devolverán os cartos. O alcalde segue a defender a suba do lixo ás vivendas de uso turístico porque, insiste, non son vivendas convencionais senón negocios.

Así reacciona o alcalde da Illa á sentenza que anula a suba da taxa do lixo a  unha vivenda turística. Unha sentenza que parte da denuncia dun particular, propietario dun establecemento deste tipo. O alcalde apunta que a sentenza só afecta a este caso, que non é aplicable ao resto de vivendas de uso turístico do municipio.

A ausencia dun informe económico sobre a aplicación desta medida sería a causa polo que a xustiza fallou a favor deste particular. Agora, o equipo xurídico do concello está a estudar os detalles do auto, para coñecer o seu alcance.

Coa ordenanza, na Illa as VUT deixaron de pagar como vivendas convencionais a ter que asumir unha taxa de 280 euros, na tarifa 2, ao mesmo nivel que calquera outro establecemento comercial. Con todo o alcalde reflexiona que esta sentenza pode ter outras consecuencias, como situalas un chanzo máis arriba, na tarifa 3, ao mesmo nivel que os hoteis, o que supera os 400 euros.

Con todo, Arosa di que non quere adiantarse aos acontecemento porque hai moitas cousas da sentenza que aínda se están a analizar. Na Illa de Arousa nestes momentos hai unhas 210 vivendas turísticas.