Ruíz pide explicacións á xerencia do hospital do Barbanza pola ‘mala xestión’

    manuelruiz_100_250607.jpgBARBANZA > O deputado popular, Manuel Ruíz, solicitará a comparecencia da xerente do hospital do Barbanza ante a Comisión de Sanidade do Parlamento.

    Segundo explicou o voceiro adxunto do grupo popular no Parlamento, Manuel Ruíz, o ‘deterioro asistencial’ que está a experimentar dende hai un tempo o hospital do Barbanza chegou esta fin de semana a un ‘punto de non retorno co preocupante descenso de persoal facultativo’. Ruíz Rivas denuncia que un só médico internista tivo que compatibilizar a atención no servizo de urxencias coa asistencia ós enfermos ingresados en planta.

    Segundo os populares esta non é a primeira vez que acontece algo así, senón que este feito se repita con frecuencia, poñendo de manifesto unha serie de carencias organizativas. Ademais das negativas consecuencias para os usuarios do hospital, a diminución da calidade na asistencia provoca un incremento das derivacións de enfermos a Santiago.

    Os populares tamén denucian os problemas técnicos do centro que, en ocasións, ten que pedir prestado material e equipamento a outros centros para poder desenvolver intervencións complexas.

    Retraso nas obras

    Por todos estes motivos, os populares solicitarán a comparecencia da xerente do centro hospitalario, Rosario Vázquez, diante da comisión de Sanidade, co fin de dar conta dos problemas de xestión que sufre o centro.

    Tamén esixirán aclaracións sobre o restraso que acumulan as obras pendentes como a climatización en planta, a execución do heliporto ou o servizo de saúde mental.

    Manuel Ruíz amósase moi crítico coa xestión de Rosario Vázquez e o seu equipo directivo e lembra que, transcorridos xa dous anos do cambio de goberno na Xunta, non sirve seguir botando as culpas á herdanza do PP, tal e como denuncian, viñeron facendo sistematicamente os responsables do Sergas.

    Redacción Barbanza