Poio celebra por todo o alto as festas de San Xoán

    sanxoanpoio_100_250607__still_001.jpgPOIO > Como cada ano, o San Xoán máis celebrado da comarca é o de Poio, onde se celebran as festas patronais.

    No concello prendéronse preto dun centenar de fogueiras entre as que destacou a da Seca, acendida polo concello e que seguiu a unha gran sardiñada popular na que participaron centos de veciños.

    sanxoanpoio_300_250607__still_003.jpgAs festas de Poio comezaron, como é habitual, co pregón, que este ano correu a cargo do humorista, guionista e dramaturgo vigués Candido Pazó que substituiu a última hora ó escritor Suso de Toro. Pazó recordou como se celebraba o San Xoán na súa parroquia cando era pequeno, movendo carros e roubando cancelas. O alcalde, encargado de prende-lo chupinazo, recordou que as cousas cambiaron e xa non hai moitos carros cos que facer falcatruadas, pero o espírito das festas en Poio continúa moi vivo. Precisamente en recordo daqueles carros que tanto protagonismo tiñan nas antigas festas de San Xoán, Luciano Sobral entregoulle unha representación en prata dun ó pregoeiro xusto antes de acende-lo chupinazo que deu comezo oficial a estas celebracións que dan paso ademais ó verán.

    Tras estes actos que tiveron como escenario a casa consistorial, a festa trasladouse ó campo da Seca, onde tivo lugar unha gran sardiñada popular na que participaron centos de veciños e visitantes que se achegaron ata Poio para desfrutar das festas patronais. Despois houbo un espectáculo onde o lume foi o protagonista, como manda a data, e que serviu para prende-la fogueira ás doce da noite.

    A festa prolongouse ata ben entrada a madrugada e continua durante estes días con múltiples actos relixiosos e culturais así como as tradicionais verbenas ó final do día. Hoxe, luns, actúan as orquestras ‘Sintonía de Vigo’ e ‘Gran Parada’ e mañá, martes, ás 12 haberá misa solemne na honra de San Fructuoso no Mosteiro de Poio coa actuación da banda de Música Cultural de Arcade e ás dez da noite verbena con ‘Panorama’ e ‘París de Noia’.

    Redacción Salnés