A vía rápida do Barbanza permanecerá aberta ó tráfico durante o verán

    visitacarideobrasautovia_100_270607.jpgBARBANZA > María Xosé Caride desprazouse ata o Barbanza para supervisar o estado das obras da conversión da actual vía autonómica en autovía.

    A Conselleira de Política Territorial anunciou, durante a súa visita, que a estrada volverá a abrirse o tráfico a partir do venres no tramo entre Dodro e Boiro que permanecía cortado dende o 21 de abril.

    A partir das cero horas do venres, os condutores poderán circular pola vía autonómica do Barbanza, na súa totalidade, dende Padrón a Ribeira. A Consellería de Política Territorial decidiu reabrir ó tráfico o tramo entre Dodro e Boiro Norte, durante os meses de xullo e agosto, debido ó incremento de circulación que soporta esta vía durante a tempada estival. Esta parte da estrada foi pechada ó tráfico o pasado 21 de abril para garantir a seguridade na realización das obras do seu desdobramento en autovía posto que a súa magnitude obrigou a realizar voaduras e desmontes con explosivos.

    O tráfico foi desviado entón pola estrada comarcal AC-305, na que se invetsiron preto de 1’6 millóns de euros para dotala das condicións de seguridade necesarias que requería o incremento de tráfico.

    Máxima precaución

    Na actualidade, os operarios traballan contrarreloxo para que os usuarios da vía rápida poidan circular por ela en perfectas condicións. Aínda así, a Conselleira de Política Territorial insistiu en que seguerán a realizarse obras na estrada polo que os condutores deben extremar as medidas de precaución.

    A partir do mes de setembro volverán ser necesarios novos cortes á circulación. Os técnicos de Política Territorial están a avaliar os treitos e a duración dos futuros peches aínda que, en calquera caso, serán informados con tempo como xa se fixera o pasado mes de abril co primeiro corte.

    María Xosé Caride aproveitou a súa visita para agradece-la colaboración de tódolos usuaruos da vía galega do Barbanza polas molestias que están a provocar as obras e insistiu en que, dende o seu departamento, adoptaranse as medidas necesarias para mante-la estrada en bo estado mentres duren os traballos. Neste sentido, referiuse ás recentes inundacións rexistradas nos pasos inferiores da parroquia rianxeira de Taragoña., apuntando que a empresa concesionaria xa está a solucionar os problemas de drenaxe ó mesmo tempo que se estudan posibles cambios na estrutura dos mesmos. 

    Bo ritmo

    O peche do treito Dodro-Boiro axilizou a realización dos traballos nesta zona. María Xosé Caride puido comprobar o bo ritmo ó que marchan as obras de desdobramento da vía rápida en autovía que, segundo as previsións de Política Territorial, podería entrar en funcionamento a principios de 2009.

    Coa construción da nova autovía melloraranse notablemente as comunicacións internas na comarca do Barbanza posto que suporá un incremento da capacidade e da seguridade que ofrece a actual estrada autonómica. A autovía AG-11 terá unha extensión total de 40 quilómetros e manterá os mesmos enlaces que a actual estrada, trece, coa incorporación dun novo acceso en Bexo.visitacarideobrasautovia2_200_270607.jpg

    A maior parte das obras consistirán no desdobramento da vía xa existente aínda que preto de catro quilómetros, divididos en sete treitos, discorrerán en variante por un novo trazado, o que permitirá a eliminación de tramos perigosos como as curvas de Vilas, en Rianxo.

    Construirase ademais un falso tunel de 85 metros de lonxitude, paralelo ó xa existente no termo municipal de Dodro, un total de 11 viadutos paralelos ós actuais máis a reconstrución dos viadutos de Té, Lampón e Cespón posto que é preciso demole-los actuais. Tamén o gasoduto Tui-Vilalba será soterrado cunha variante de 600 metros.

    Na actualidade, os traballos xa se atopan moi avanzados. Do total dos 14 viadutos, sete xa están en execución e 46 pasos inferiores, dos 51 que contempla o proxecto xa están finalizados. A boa marcha dos traballos fai pensar que poderán cumprise as previsións iniciais que establecían un prazo e execución de 27 meses, polo que a autovía do Barbanza podería estar funcionado en xaneiro de 2009.

    Redacción Barbanza