O PSOE suspende sine die as negociacións co BNG

    casal_lores100_270607.jpgPONTEVEDRA > As negociacións entre PSOE e BNG para formar goberno en Pontevedra están suspendidas sine die

    … Así o indicou esta mañá a portavoz do PSOE Teresa Casal, que achacou esta decisión do seu grupo á falta de responsabilidade e de respecto amosada polo BNG na última das reunións celebrada onte.

    Segundo explicou Teresa Casal, ‘onte ás nove da noite había un acordo xusto e equilibrado, aceptado por ambas partes, en canto a acordos programáticos e reparto de responsabilidades e incluso había redactado un documento, a falta de retoques’. Casal engade que ‘de repente, por causas alleas ós negociadores o grupo do BNG decide que non’. Para os socialistas isto é ‘unha falta de respecto e de formalidade’ tanto cara eles como cara a cidadanía.

    Sen embargo, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores negou hoxe á tarde que recibisen unha chamada allea ós negociadores. Segundo explicou, na reunión de onte faltaba Raimundo González, un dos edís do BNG e membro desta comisión negociadora, e quixeron consultar con el o acordado na xuntanza. ‘Chameino eu e comunicaba, chamou Mosquera e tamén, e logo chamou Cáceres (José Antonio García Lores, edil do PSOE) e colleulle e pasóunolo a nós’, dixo Lores. Con esa chamada o BNG decidiu que ó acordo aínda lle quedaba ‘unha volta máis, pero xa non foi posible seguir negociando porque o PSOE ausentouse’.

    O PSOE entende que onte xa había acordo, e o BNG admite que está moi cerca pero para eles aínda falta acadar un equilibrio nos programas e nas responsabilidades de goberno, acorde coa representatividade que lle deron os votantes a cada grupo. O freo que pisa o BNG denota para Teresa Casal ‘falta de vontade política’. O PSOE estaría disposto a recuperar o acordo de onte á noite, pero cre que a pelota está agora no tellado do BNG. Os nacionalistas afirman estar dispostos a continuar negociando e cren que ‘tarde ou cedo haberá pacto’.

    Pontevedra e Lugo, son dúas das sete principais cidades galegas onde non se fixo efectivo aínda o pacto PSOE – BNG. O líder dos populares galegos Alberto Núñez Feijóo, que asistiu á sesión constitutiva da Deputación de Pontevedra, afirmou que ‘temo que mentres non se peche o pacto en Lugo non se pechará o de Pontevedra’.

    Redacción Salnés