![]()
RIBEIRA > A delegada provincial da Consellería de Traballo, María Debén, asistiu esta mañá ó acto de clausura do obradoiro de emprego ‘Illa de Sagres’.
Hoxe chegaba á súa fin un ano repleto de traballo pero tamén de ilusións: as postas neste obradoiro de emprego polos 35 alumnos que participaron nel. En total, 22 mulleres e 13 homes que durante todo un ano recibiron a formación necesaria para desempeñar labores de xardinería, carpintería e pavimentación. Aínda que a clausura oficial do obradoiro tivo lugar esta mañá no parque periurbano de San Roque, o froito do seu traballo perdurará no tempo. A eliminación das barreiras arquitectónicas no casco urbano, o mantemento e mellora dos parques e xardíns e a ampliación de mobiliario urbano en moitas zonas do municipio son un bo exemplo delo.
A delegada provincial de Traballo, María Debén, tivo ocasión de coñecer parte do traballo desenvolvido no marco do obradoiro ‘Illa de Sagres’. Durante a súa clausura destacou a aposta da administración autonómica por favorece-la inserción laboral das persoas con maiores dificultades, como mulleres, parados de longa duración ou mozos, a través de iniciativas formativas como esta, na que o departamento de Traballo investiu máis de 653 mil euros.
Axudas a mulleres
O director do obradorio, Santiago Páramo, aproveitou a presenza da delegada de Traballo para solicitarlle a inclusión nos seus plans de colaboración dunha liña específica de axudas para as mulleres que decidan formarse en campos laborais con escasa representación feminina, como pode ser o de pavimentación. A este respecto, María Debén, informou dun novo requisito establecido pola Consellería para a financiación dos obradoiros de emprego, consistente na obrigatoriedade de que o 64 por cento das contratacións sean mulleres. A responsable provincial de Traballo tamén informou de que , na actualidade, xa están en marcha diversas liñas de colanoración con empresas para a contratación dos alumnos que participan nos obradoiros, como o recente convenio asinado co sector da construción e naval.
Experiencia positiva
Trala entrega de diplomas que certifican o seu paso por este obradoiro, os participantes despedíronse desta experiencia que todos calificaron de moi poistiva tanto a nivel formativo como persoal. Agora ábrese unha nova etapa para cada un deles en busca dunha saída profesional. Todos son conscientes de que o terán máis fácil grazas á formación e experiencia adquiridas aínda que consideran necesaria unha maior implicación por parte das administracións públicas para conquerir unha integración efectiva no mercado laboral.
Redacción Barbanza









