A alcaldesa distribúe o seu goberno en dez áreas

    RIBADUMIA > O Concello de Ribadumia celebrou esta noite un pleno no que se nomearon as competencias dos edís de goberno. A alcaldesa propuxo ademais liberar a súa concellería.

    A alcaldesa de Ribadumia distribuíu o seu goberno en dez áreas. Salomé Peña será a responsable de Contas, Economía e Facenda, Persoal e Réxime Interior. No pleno de hoxe propuxo que esta sexa, en principio, a concellería liberada. O primeiro tenente de alcalde será Alberto Vázquez, que se encargará de Urbanismo e Medio Ambiente; segunda Lidia Álvarez, que repite en Cultura e Servizos Sociais; e terceiro Jorge Abal, que levará Obras e Servizos, Deporte e Xuventude. Nesta lexislatura creouse a Concellería de Cooperación Veciñal que recae en Luís Amable Castro.

    Os plenos ordinarios fixáronse para o primeiro xoves de cada dous meses e dáselle así maior competencia ás xuntas de goberno local, que serán cada 15 días. Ademais nomeouse a Lidia Álvarez como representante no Consello Escolar, e na Mancomunidade estarán a alcaldesa e Luís Castro.

    REPARTO EN POIO

    O BNG de Poio fixo público tamén o reparto das áreas de goberno que lle corresponden tralo pacto asinado co PSOE. Deste xeito, Xulio Barreiro ocuparase de Urbanismo, e María Luz Senra de Educación, Sanidade, Consumo e Mercados. En Turismo e Festexos repite Xosé Luís Martínez, e en Deportes Miguel Anxo Pazos. De Cultura encargarase Silvia Díaz, e de Seguridade Cidadá Francisco Piñeiro.

    Luciano Sobral designou a Luz Senra como presidenta do Consello Escolar Municipal e a Silvia Díaz para o da Cultura. O alcalde será representante titular na Mancomunidade Terras de Pontevedra, e na Asociación de Desenvolvemento Rural Proder dous. En canto ás comisións informativas, Francisco Piñeiro presidirá as de Urbanismo, Seguimento do plan especial de Combarro e Catálogo de edificios e conxuntos do concello de Poio; Xulio Barreiro, a de Facenda, Gobernación e Contas; e Xosé Luís Martínez a de Educación, Cultura e Deportes.

    Redacción Salnés