Saneamento para varios núcleos rurais de Rianxo

    RIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, vén de solicitar á administración autonómica axudas económicas para acomete-lo saneamento de varios núcleos rurais do municipio. A actuación, proxectada nos lugares de Xufreus, Rabada e Hermida, en Araño, está presupostada nuns 200 mil euros. Ademais deste proxecto, o rexedor rianxeiro solicitou á Xunta a limpeza de varios ríos da localidade e a separación da rede de pluviais na zona da Ribeira.

    No transcurso da xuntanza co director xeral de Augas de Galicia, Pedro Piñeiro expuxo numerosas melloras que debería subvencionar o ente autonómico no municipio rianxeiro. A principal referíase ás obras de saneamento en diversos núcleos rurais como Xufreus, Rabada e Hermida, na parroquia de Araño.

    O orzamento para a execución deste proxecto ascende a máis de douscentos mil euros.

    O rexedor local entende que a estas alturas debería estar garantido o servizo de saneamento en tódalas parroquias do municipio. neste sentido, lembrou as actuacións proxectadas para este ano en diversos núcleos como o de Rañó, Brión, Abuín, Laxe ou Burés.

    Outra das iniciativas propostas por Piñeiro é a limpeza dos cauces dos ríos Té e Quintáns que actualmente se atopan nun estado lamentable polo que é precisa unha rápida intervención.

    Durante a reunión, o alcalde expúxolle tamén ó director de Augas de Galicia o proxecto de separación das augas pluviais e de alcantarillado no entorno do paseo da Ribeira, presupostado en 150 mil euros. Nesta zona prodúcense frecuentes inundacións debido a que a tubería existente na actualidade non é capaz de absorver toda a auga da choiva.

    O representante da Xunta amosouse moi receptivo e sensibilizado cos problemas expostos por Piñeiro Hermida e compormeteuse a estudia-las súas peticións.

    Redacción Barbanza