O goberno ribeirense pecha filas e mostra o seu apoio o alcalde, Manuel Ruíz

RIBEIRA> Esta fin de semana os seis concelleiros do equipo de goberno, a excepción do rexedor, compareceron en rolda de prensa para dar a súa opinión sobre a renuncia de Herminia Pouso. A todos eles lle caeu por sorpresa a decisión da xa exedil, pero sobre todo o que máis lles doeu foron as formas da súa marcha.

De total sorpresa. Así de tallantes se mostraron os concelleiros do equipo de goberno á hora de valorar a renuncia de Herminia Pouso. Todos eles saíron en defensa do alcalde, Manuel Ruíz, mostrando a súa incredulidade coas palabras da súa excompañeira á hora de xustificar as razóns que a levaron a deixar o grupo de goberno, argumentando discrepancias co rexedor e falta de diálogo.

Todos eles agradeceron o traballo realizado por Herminia Pouso nestes máis de sete anos no Concello, como xa antes o fixera o propio alcalde, Manuel Ruíz. A escasos meses para uns novos comicios municipais, o PP deberá reconfigurar o goberno. Todo apunta a que será o propio rexedor o que asuma as responsabilidades que tiña asignadas Herminia Pouso, tanto a portavocía, como as delegacións de Cultura e Educación. Con toda seguridade a acta deixada por Pouso Maneiro será para o seguinte na lista nas pasadas eleccións municipais, David Fernández, xoven empresario local.