Especies depredadoras acaban cos bancos marisqueiros de Ribeira

    limpezatllantes_100_290607.jpgRIBEIRA > Os mariscadores iniciaron esta semana a limpeza dos bancos naturais ante a preocupante presenza de especies depredadoras.

    Antes de abri-la campaña marisqueira de verán, os produtores de Ribeira procederon a comproba-lo estado en que se atopan as súas concesións. Os mergulladores detectaron entón un preocupante incremento de especies depredadoras nos seus bancos naturais, especialmente estrelas de mar, caramuxos ou a variedade de cangrexo que as xentes do mar chaman ‘durmiñento’. A pesar de que xa estaba prevista a retirada destas especies unha vez á semana, grazas a unha subvención outorgada pola Consellería de Pesca, as circunstancias obrigaron a redobrar esforzos para evitar que os depredadores esquilmen a riqueza dos bancos. Aínda así, os mariscadores quéixanse do exceso de burocracia para poder iniciar as tarefas de limpeza, posto que durante o tempo que se perde na consecución dos permisos, o marisco segue a morrer, polo que esixen unha maior flexibilidade por parte da administración.

    Arduo traballo

    E como exemplo deste perigo para a riqueza dos bancos naturais están as cifras. En tan só nunha xornada de traballo, de aproximadamente tres horas chegáronse a recoller 350 quilos de tallantes, cantidade que evidencia o risco de mortandade do marisco. Precisamente, a acción depredadora das estrelas de mar é das máis graves posto que envolven ó bivalvo asfixiándoo de xeito moi rápido.

    Prohibición da extracción do reló

    Os produtores ribeireses relacionan a proliferación de especies depredadoras nas súas concesións coa prohibición de extraer reló debido á alta concetración de plomo que experimenta. Precisamente estes bivalvos, ó quedar mal soterrados cos movementos, atraen ós depredadores xa que constitúen un cebo fácil. A este respecto, a agrupación de mariscadores de Ribeira esrá tratando de resolve-lo problema coa consecución dunhas máquinas clasificadoras que permitan garantir que o marisco que chega ós mercados estea dentro dos límites de tallas aptos para o consumo.

    De cara á campaña do verán, os mariscadores da confraría ribeiresa agardan uns resultados similares ós do pasado ano, no que os prezos no mercado acadaron cotas bastante altas.

    Redacción Barbanza