A oposición discrepa dos salarios do alcalde e dunha edil do PP

    MEIS > Os salarios do alcalde de Meis e máis dunha edil do PP foron duramente criticados pola oposición no pleno celebrado onte. José Luís Pérez cobrará 49.000 euros ó ano e Ofelia Barral 16.800 

    plenomeis300_290607.jpgO alcalde de Meis, José Luís Pérez, cobrará ó ano 49 mil euros segundo se aprobou onte no pleno de organización. Tamén se aprobou unha dedicación parcial de cinco horas diarias para a edil do PP Ofelia Barral, que cobrará 16.800 euros anuais. Os populares fixeron valer a súa maioría absoluta para sacar adiante este punto das retribucións, xa que tanto PSOE como BNG votaron en contra. Os socialistas considéranas excesivas e o BNG non ve a cambio un traballo acorde con eses soldos.

    A oposición interesouse tamén polo traballo e horario que terá a edil Ofelia Barral, que será 2ª tenente de alcalde e levará as áreas de Facenda e Patrimonio, Educación, Cultura, Deporte e Xuventude. O BNG apuntou que o soldo que percibirá se incrementou nun cen por cento con respecto ó que tiña o seu antecesor, Cesáreo Belsol. O alcalde explicou que ese aumento se reflectirá en máis dedicación. En canto ó seu salario ó seu salario José Luís Pérez apuntou que será de 2.500 euros ó mes e que o baremo que se utilizou foi o salario mensual do funcionario que máis cobra no concello, aumentado en 10 euros. ‘O alcalde é o presidente do Concello e pareceunos a todos o máis lóxico que sexa o que máis cobre’.

    O alcalde volveu nomear primeiro tenente de alcalde a Eugenio Fernández, que levará ademais Urbanismo, Vías e Obras, Industria e Medio Ambiente. Mónica Outeda, será a 3ª tenente de alcalde e encargarase de Acción Social, Igualdade e Sanidade, mentres que Raquel Fernández, 4º tenente de alcalde levará Réxime Interior e Persoal.

    Redacción Salnés