A POBRA> Pola súa banda, Nós Pobra ten claro que non formará parte dun cuadripartito onde a súa formación non ostente a alcaldía. Sosteñen que son a forza máis votada, tralo PP, polo que deberían encabezar un goberno alternativo.
Lonxe de desbloquear as negociacións, o movemento do BNG manifestando a súa disposición a apoiar a investidura de Eloy Sobrido, semella que afasta aínda máis a posibilidade de chegar a acordo. Nós Pobra non está disposto a ceder a alcaldía, menos aínda á formación con menor número de votos das que integrarían o cuadripartito.
Non comparten dende Nós Pobra a lectura que realizan tanto BNG como VIP dos resultados electorais pedíndolle a renuncia por ser a forza que máis apoios perdeu.
A pesar de que manteñen a súa postura, Nós Pobra non se pecha en banda a retomar as negociacións e están á espera de que o BNG mova ficha. Con este panorama semella difícil chegar a acordo antes do pleno de investidura aínda que quedan por diante dúas semanas nas que pode pasar de todo.