Máis de 1.500 nenos pasarán o verán no campamento da Lanzada

    campamentolanzada100_020707.jpgO GROVE > Os campamentos son unha das opcións escollidas polos pais para compaxinar o seu traballo coas vacacións estivais …

    … dos nenos. Proba diso son os máis de 1.500 rapaces que pasarán este verán polas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten na Lanzada.

    Máis de mil cincocentos nenos de toda a provincia de Pontevedra pasarán este verán polo campamento de A Lanzada, promovido pola Deputación. A primeira remesa de cativos chegou onte á mañá. Acompañados de seus familiares foron instalándose na que será a súa casa nos vindeiros días, tendas de campaña totalmente equipadas. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, foi o encargado de inaugurar o campamento e anuncioulles que, unha vez aprobado o Plan Xeral do Grove, se construirá un pavillón e unha piscina cuberta neste recinto.

    Un equipo de trinta profesionais encargarase de atender ós rapaces que gozarán dunhas vacacións estivais no entorno privilexiado da praia da Lanzada. Onte o mal tempo non lles deixou baixar ó areal, pero o equipo de animación aproveitou unha carpa instalada no recinto para amenizarlles a xornada. Durante os vindeiros días, os nenos poderán realizar todo tipo de actividades e xogos, ademais de subir ó monte Siradella e visitar as illas Ons. A gran demanda que houbo este ano obrigou á Deputación a habilitar oito quendas de estancias, dúas máis que no verán pasado.

    Redacción Salnés