A plantilla de Larsa teme polo seu futuro

    VILAGARCÍA> Os traballadores da fábrica de Larsa, en Vilagarcía, temen polo seu futuro e polo da factoría. Tras anunciar no mes de decembro un investimento de 6,5 millóns de euros para a ampliación das instalacións, a empresa decidiu dar marcha atrás e reducir á metade a achega. Un recorte que, ademais, irá acompañado da retirada da produción do queixo de orixe galego, un dos principais produtos da fábrica arousá. A factoría conta con máis de 70 traballadores fixos.

     

    A decisión da dirección de reducir o investimento prometido para a factoría vilagarciá de Larsa, fixo saltar todas as alarmas entre os traballadores. Inicialmente comprometeran 6,5 millóns de euros para ampliar a fábrica. A principios deste ano, a contía reduciuse a 3,2 millóns acompañada da redución da carga de traballo na produción de queixos.

    A intención da dirección é retirar a produción do queixo galego que, xunto co iogur de vainilla, é o principal produto da factoría arousá. No seu lugar, implantaríase unha única liña de queixo de barra. Estes plans suporían o peche da fábrica durante catro meses entre outubro deste ano e febreiro de 2016, pero esta semana rompéronse as conversas coa dirección.

    A plantilla denuncia que non reciben información sobre o futuro da factoría, que nos últimos anos está a optar pola externalización da produción de moitos dos seus produtos.

    Esta mañá mantiveron un encontro co alcalde de Vilagarcía, que lles trasladou o seu apoio e se comprometeu a falar coa empresa, que conta con 71 traballadores fixos e 20 eventuais. Tamén buscarán o apoio da Consellería de Economía e Industria.

    Esta situación contrasta coa plantexada no 2013, cando Larsa e concello asinaron unha modificación puntual do PXOM de Vilagarcía para recualificar uns terros que permitirían a ampliación da fábrica.

    Polo de momento, os traballadores non se plantexan mobilizacións.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/27/rolda_prensa_larsa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/05maio/27/rolda_prensa_larsa.mp4{/flowplayer}