Aparecen restos de fuel no areal ribeirés do Vilar

    RIBEIRA > Operarios de Tragsa traballaron hoxe na retirada das galletas de chapapote que apareceron na praia do Vilar.

    Parecería unha xornada habitual de praia, con bañistas, sol e demais, senón fora pola presenza no areal dun grupo de operarios da empresa Tragsa, que durante toda a xornada estiveron retirando as galletas de chapapote que unha vez recollidas eran depositadas nun contedor. Os restos de fuel atopados nesta praia non eran demasiado alarmantes, pequenas cantidades repartidas por varias zonas do areal, aínda que si afectaron a unha parte importante da zona de baño. Foron precisamente os propios bañistas os que alertaron da presenza destas galletas de chapapote ós vixilantes do Parque Natural que deron a voz de alarma. Técnicos da propia Consellería de Medio Ambiente procederon tamén á recollida de mostras para o seu estudo e análise, co fin de coñecer a súa posible orixe.

    Práctica habitual

    Aínda que non se descarta ningunha posibilidade, todo parece indicar que se trata do fuel procedente dalgunha sentina dun barco dos que pasan habitualmente fronte ás costas ribeiresas. Trátase pois dunha práctica perseguida polas autoridades competentes na materia, pero por desgracia moi habitual, polo que esta non é a primeira vez que se producen este tipo de feitos.

    Redacción Barbanza