Alarma en Corrubedo pola construción dunha planta acuícola na zona do Corgo

    bngdepuradoracorgo_100_050707.jpgRIBEIRA > O BNG oponse á construción dun Parque Acuícola no lugar de Punta da Laxe Brava en Corrubedo polo seu impacto ecolóxico.

    Para o BNG é primordial conservar intacto como está o litoral nesta zona, pois é o único virxe que aínda se conserva no municipio. A voceira nacionalista, Dominga Brión, sinalou que a franxa litoral do Corgo está incluída na rede Natura 2000, polo que o Plan Acuícola previsto pola Xunta traería graves consecuencias para a zona, con frecuentes vertidos ó mar e o perigo que isto suporía para os cantís de percebe, os baixos explotados pola pesca artesanal e os areias existentes en Corrubedo e Espiñeirido.

    Medidas de presión

    Por esta razón e de continuar adiante este Plan da Xunta de Galicia o BNG de Ribeira non descarta emprender todo tipo de accións que considere pertinentes para evitar a expropiación desta zona e a súa posterior destrución.

    Reserva desproporcionada

    Para os nacionalistas ribeireses a desproporcionada reserva de terreo prevista pola Xunta, uns 308 mil metros cadrados é totalmente inadmisible, pois obriga á expropiación de numerosas propiedades privadas que aínda se traballan. Ademais o BNG ribeirés considera que os orzamentos e inversións públicas neste tipo de macroconstrucións novas, para nada se corresponden cos beneficios que reverten nos veciños e veciñas e moito menos cos empregos que sempre din prometer pero que despois non se chegan a cumprir. Pola contra, para eles é o desenvolvemento sustentable orientado ós valores naturais dos que dispón esta parroquia de Corrubedo o camiño que se debe seguir, e non a industrialización indiscriminada das costas.

    Cambio de plans

    Os nacionalistas ribeireses poñen como exemplo para desbota-la construción desta planta acuícola na zona, a decisión tomada pola Xunta respecto ó Parque de Punta Corvos, onde estaba previsto tamén unha actuación semellante ó cosiderar que estaba moi próxima a un espazo natural protexido. Segundo eles no caso da Laxe Brava a cuestión é aínda máis grave, pois todo o litoral está incluído na zona LIC, Lugar de Interese Comunitario, do Complexo Húmido de Corrubedo.

    Xunta portavoces

    Pola súa banda o alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, consciente tamén da magnitude desta actuación, xa convocou para mañá venres ó mediodía unha xunta de portavoces co fin de chegar a un posicionamento conxunto de tódolos grupos políticos, tratando de aunar esforzos entre todos e buscarlle unha solución satisfactoria para os intereses de Ribeira.

    Redacción Barbanza