BOIRO> O concello de Boiro asinou un convenio co IES A Cachada para colaborar nun estudo sobre o gas radón no municipio. O alcalde fixo entrega de dous medidores que os alumnos empregarán para medir os niveis de emisións en diversos inmobles e elaborar un completo estudo para determinar a incidencia do gas en todo o municipio.
O Club de Ciencias do IES A Cachada iniciou xa en 2018 este proxecto encamiñado a elaborar un mapa sobre a prevalencia do gas radón en Boiro.
A través do convenio asinado esta mañá entre o director do centro e o alcalde de Boiro, o concello cede estes dous medidores, que se suman ós tres dos que xa dispón o centro, para empregar en actividades escolares pero tamén para realizar medicións en vivendas e edificios públicos.
Ademais da colaboración con este proxecto educativo, o departamento de Medio Ambiente do concello pon a disposición da veciñanza que así o solicite un dispositivo para realizar medicións nos seus domicilios.
O radón é un gas radiactivo que en grandes concentracións pode ser prexudicial para a saúde. De aí a importancia da elaboración deste mapa para coñecer a súa incidencia a poder tomar medidas de prevención ante un gas potencialmente canceríxeno.