Meis preparará 4.000 racións para a Festa dos Callos

    callos100_060707.jpgMEIS > Os cociñeiros da Festa dos Callos prepararán 2.200 quilos de potaxe para o vindeiro domingo día 15. A cita gastronómica …

    … dará por rematados 11 días dedicados a San Bieito.

    Un equipo de 3 cociñeiros e 15 pinches serán os encargados de preparar o menú da Festa dos Callos de Meis. Como ingredientes terán 800 quilos de garavanzos e 1.500 de pata, touciño e chourizos. Todo para ter preparado para o domingo día 15 2.200 quilos de potaxe, que darán para catro mil racións, a 7 euros cada unha. Este ano toca empezar a faena unhas horas antes do previsto, porque ó non dispor da cociña do Colexio de Mosteiro, terán que improvisar uns fogóns no pavillón de deportes.

    Outro hándicap pode ser o cambio de data. Nesta ocasión coincídelles co Día do Carme, pero de todos xeitos a organización espera superar o récord de asistencia da pasada edición, 3.500 persoas. Para atendelas teñen a un verdadeiro rexemento de 80 voluntarios. No campo da feira de Mosteiro disporase unha carpa con capacidade para 2.000 persoas sentadas. Ademais existe posibilidade de reservar mesa para 14 comensais por 120 euros. Para iso poden chamar ó 986 715 507, 986 712 058 ou 670 410 091.

    Coa Festa dos Callos clausúrase o programa de San Bieito. Pero antes hai 8 días de actividade. Mañá: Festa da bicicleta ás 8 da tarde, e logo ás once e media exhibición de bailes de salón no pavillón, coa participación dos finalistas de Mira Quien Baila. O luns, pallasos ás 8 e media no Multiusos. O martes a mesma hora haberá contacontos e maxia. O mércores será o día de San Bieito con misas toda a mañá e verbena pola noite. O xoves ás 10 da noite será o concurso de maquetas para elixir o teloneiro do Dolorock. O venres 13 haberá xogos gratis para os nenos no campo da feira e o sábado 14 será a caravana de San Cristovo. A guinda, a Festa dos Callos, o 15 de xullo. Poden consultar o programa completo na páxina web www.meis.es.

    Redacción Salnés