MEIS> Meis recoñece a labor de veciñanza e colectivos na Gala Meisinos e Meisinas do Ano. Nesta sexta edición foron sete os galardoados, dende unha familia moi colaboradora coa Festa dos Callos ata a Coral Xuntanza polo seu trinta aniversario. A alcaldesa destacou que os premiados fan máis grande o municipio, levando o seu nome con orgullo por todo o mundo.
Sexta edición da Gala Meisinos e Meisinas do Ano.
Nun ateigado auditorio municipal, sete veciños e colectivos foron recoñecidos este ano pola súa labor altruísta en beneficio do ben común da vila. A primeira das recoñecidas, Carmela Núñez, fundadora do Trevo. A recoñecida recibiu na entrega do premio unha gran sorpresa.
Outro recoñecemento foi para unha familia, pola súa colaboración coa Festa dos Callos cedendo a súa casa para que o evento saia adiante.
Tamén premio para a xenerosidade de Arancha Abal, que logo de pechar unha librería cedeu o seu stock ao concello de Meis para as familias que o precisan.
Miriam Canda Mallo é outra das meisinas deste ano logo da publicación dun libro.
Premio tamén para dous artistas de Meis. Os dous son carpinteiros e teñen colaborado co concello en distintas iniciativas.
Tamén recoñecemento polos trinta anos de traxectoria da coral Xuntanza de Meis. E pechando a entrega de premios, Ricardo Fernández Mascato, pola súa traxectoria como exfutbolista e adestrador do Zacande.
No peche do acto, a alcaldesa puxo en valor a calidade humana da veciñanza que fai de Meis un lugar grande.
O acto rematou cun premio especial para o seu condutor, Terio Carrera, pola súa colaboración desinteresada na Carreira de Leo.
A gala contou coa participación musical da Banda de Música da Vertula, que compartiu escenario con Mercedes Tilve e Miguel Caldas.











