![]()
AROUSA > As praias da Concha-Compostela e Area da Secada obtiveron o distintivo de calidade que otorga un organismo europeo.
O Concello da Illa convertiu o izado da súa primeira bandeira azul en todo un acontecemento social. O alcalde foi o encargado de facer que en Area da Secada ondee xa o esperado distintivo no que levan anos traballando. A bandeira azul acredita que Area da Secada ten tódolos requisitos de calidade e servizos que esixe a Unión Europea. Dende duchas e servizo de vixiancia ata sillas para discapacitados pasando por aseos e por unha pasarela peonil que permite un doado acceso a unha praia situada nun impresionando entorno natural. Precisamente esta situación complicou a concesión da bandeira.
O rexedor, moi satisfeito por esta primeira bandeira, espera conseguir máis. A maioría das 81 praias da Illa cumpren os requisitos de calidade pero faltan os servizos precisamente pola dificultade que supón actuar en entornos naturais protexidos. O alcalde recordou que investiron 200.000 euros na mellora desta praia e que aínda se está investindo máis na do Bao para conseguir obter estes galardóns que contribúen a dinamiza-lo turismo e a mellora-la imaxe dos concellos costeiros.
Izado en Vilagarcía
E o mesmo pensan en Vilagarcía, onde o izado da bandeira da Concha-Compostela contou coa presenza de numerosos membros do bipartito. Entre os presentes estaban, ademais do edil de servizos e obras, Manuel Rodríguez Cuervo, as concelleiras de turismo Rosa Abuín, de Facenda Dolores García e de mantemento e limpeza, Dolores Couso. Elas tres foron as encargadas de proceder ó izado da bandeira ante a curiosa mirada de varios usuarios da praia e tamén do colectivo de Protección Civil que aproveitaron para presenta-lo seu novo vehículo, un quad que servirá para mellora-lo seu traballo.
Dolores Couso aproveitou para indicar que o seu departamento traballará para que a praia estea ‘limpa e curiosa’ durante todo o verán e asegurou que o Concello tentará mellora-las condicións do areal, ‘para que Vilagarcía teña a praia que merece’. No acto non estivo o alcalde, Enrique León, que era o encargado de iza-la bandeira pero que se viu sorprendido polo informe da Xunta Electora e por toda a polémica sobre a súa inelexibilidade.
Redacción Salnés









