Sucédense ás valoracións ante a renuncia de Enrique León

    VILAGARCÍA > Arestora Enrique León xa non é alcalde de Vilagarcía. Nin Carlos Guerrero concelleiro. As súas renuncias fixéronse efectivas no pleno celebrado este serán e no que non estivo ningún dos dous. Un pleno que marca un inicio de lexislatura en Vilagarcía certamente accidentado. Ata o nomeamento da nova rexedora, Dolores García, o alcalde en funcións será o nacionalista Xosé Castro Ratón.

    Ás oito da tarde deu comezo un pleno municipal no que se fixo efectiva a renuncia do ex comisario. Unha renuncia que o propio León explicou en directo nas Novas do Día de Tele Salnés Barbanza. O xa ex-alcalde amosou a súa total decepción pola forma en que tivo que irse. Asegurou chegar cun proxecto ‘ilusionante’ e marchar presionado polo seu partido, sen apoios e sen ‘motivo xurídico algún’.

    enriqueleonvotando_200_060707__still_001.jpgMoitos, incluso no Partido Socialista falan dunha man negra que utilizou ó PP para expulsar a León. Hai que recordar que unha gran parte da agrupación local non veu con bos ollos a chegada deste home e incluso houbo concelleiros que expresaron o seu disgusto pola forma en que se estaba xestando a lista electoral. Sen embargo León non quere pensar nesa man negra que finalmente conseguiu expulsalo da política local. O que non perdoa é que a persoa que lle pediu encabeza-la lista e que o presentou como a súa aposta persoal, Modesto Pose, non o apoiara nesta loita que nunca chegou a perder.

    Valoracións do PP

    Tomás Fole continúa repetindo que ten a xustiza da súa parte e que León fixo o ‘que tiña que facer’. Dende o PP consideran a decisión como a ‘mellor opción para os vilagarciáns’. Da mesma maneira afirman que Enrique León dimitiu polo informe no que a Xunta Electoral o declaraba inelexible e que o seu propio partido o forzou na toma desta decisión para enmendar o erro cometido polo PSdeG-PSOE. Fole tamén declarou que os informes que León afirma ter do avogado do estado non foron mostrados e que ademais datan do ano 94 polo que son anticuados para a lexislación actual.

    tomasfole_200_060707__still_001.jpgRespecto á incitación do ex-alcalde de seguir coa continxencia a través do tribunal ordinario, o Partido Popular considera que seguir coa incertidume xurídica non sería o mellor para Vilagarcía. Ademais Fole cre que se León pensa que ten a razón do seu lado debería ser él quen o demostrase. Do mesmo xeito declarou que o Partido Popular ten dúbidas acerca do carácter legal que teñen as decisións tomadas por León posto que non podía presentarse. Dentro destas decisión destacou o pacto co BNG e o nomeamento de Castro Ratón como primeiro tenente alcalde.

    Parvadas

    Ratón tildaba esta tarde como parvadas as declaración do portavoz do PP respecto da posible nulidade dos actos posteriores á elección do alcalde de Vilagarcía. Sobre a demisión de León, Ratón volveu repetir o que o alcalde adiantaba na rolda de prensa do luns, que os motivos que o levaron a tomar esa decisión foron políticos e non xudiciais.

    O tenente alcalde declaraba que Enrique León dimitiu para que o concello de Vilagarcía tivese un goberno normal e en activo o antes posible. Dende o Bloque Nacionalista Galego consideran que non hai nada reprochable na actitude do socialista e que este foi víctima de toda unha serie de circunstancias. Castro Ratón declarou que non existe ningún elemento para cuestionar o acordo BNG-PSOE pois é un pacto totalmente lícito entre dúas organizacións políticas.

    Redacción Salnés