Vilanova aposta por eliminar taxas para fomentar construción e industria

    VILANOVA>

     

    O concello de Vilanova proporá no próximo pleno eximir ás empresas que se instalen nos polígonos de Baión e Tremoedo de pagar a taxa de licenza de obra. Esta será a primeira das dúas medidas coas que o goberno local pretende impulsar a actividade económica no municipio. A segunda, afectará a calquera veciño ou empresa que solicitara unha prórroga na construción dunha vivenda ou local: non terán que pagar unha segunda taxa para retomar as obras.

     

     

    O grupo de goberno de Vilanova levará ó pleno do próximo día 30 ‘as primeiras medidas de impulso económico desta lexislatura’. Terán como fin reactivar o tecido empresarial pola vía de fomentar a implantación de novas firmas nos polígonos industriais, e dar un impulso ó sector da construción. Para facer máis atractivos os parques de Tremoedo e Baión, proporán ó pleno eliminar o imposto por licenza de obra, ata agora de 1,31 euros por metros cadrado.

     

    Da segunda das medidas beneficiaríanse tódolos veciños ou empresas que solicitaran unha licenza de obras para construír un edificio en Vilanova, e por cuestións económicas non puideran rematar a construción e se viran obrigados a solicitar unha prórroga dese permiso. Segundo a actual ordenanza reguladora, a reactivación de novo da licenza supoñía abonar o 0.5% do orzamento das obras en concepto de tramitación. É dicir, pagar unha segunda taxa.

     

    Desde o concello de Vilanova argumentan que este esforzo suporá grandes vantaxes para a economía do municipio, e animan a outros gobernos veciños a que adopten medidas semellantes para reactivar os sectores industrial e da construción en toda a comarca do Salnés.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/20/taxaspoligono.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/20/PEMES_POLIGONOS_VILANOVA.mp4{/flowplayer}