NOIA> O executivo noiés levará esta semana a pleno as propostas a incluír dentro do programa da Deputación Provincial DTC 93. Entre as obras destaca a reurbanización da rúa Xan de Estivadas, hoxe completamente desfeita logo da última actuación municipal que data do ano 2006. O importe total da actuación ascende a 99.960,05; con cargo ao Plan fináncianse 89.520,05 euros e coa achega municipal un total de 10.440,00 euros. O ámbito da actuación abrangue desde a embocadura do Malecón de Gasset ate o inicio da praza da Constitución. Resolverase tamén o acceso á praza do Tapal, hoxe en moi malas condicións. Tamén se contempla a adecuación da Fonte do barrio do Campo das Rodas e de parte da súa contorna. O importe da actuación ascende ao total de 35,562,20 euros, con cargo exclusivo ao Plan. A conservación da fonte leva aparellada obras de cambio do solado das escaleiras, creacións duns xardíns, cambio da iluminación existente por outra de maior rendemento, pintado das varandas existentes, así como a cubrición de parte da fachada lateral do edificio do Conservatorio Municipal con madeira de pino tratada. Por último engádese a mellora do Parque Infantil da Praza de Irmáns Labarta, consistindo basicamente na ampliación da zona de xogos que pasa dos 184 metros cadrados actuais a 320 m2; así como do cambio do seu pavimento. A intervención ascende a un total de 40.440 euros, con cargo ao Plan.
Inicio Barbanza - Muros - Noia