![]()
RIBEIRA > O BNG solicitou a mellora da seguridade vial no cruce do Vilar ante o importante tránsito de vehículos que soporta esta zona, sobre todo no verán.
No cruce do Vilar converxe cada día un gran número de vehículos posto que conduce a destinos moi frecuentados como as parroquias de Carreira e Aguiño, o polígono de Couso ou o Instituto de Frións, entre outros.
O tránsito rodado increméntase aínda máis durante o verán, co constante ir e vir de vehículos ata a praia do Vilar, unha das máis visitadas de toda a comarca. Na actualidade, a intersección está dotada unicamente de sinalización horizontal, o que parece levar a confusión a moitos condutores. De aí, o incremento do número de accidentes rexistrados neste punto nos últimos anos e o aumento das sancións impostas pola Garda Civil de Tráfico.
Ademais dos usuarios da vía, para os nacionalistas, están a resultar especialmente prexudicados os veciños desta aldea pola falta de seguridade que supón a circulación constante de vehículos, non só no cruce, senón en toda a estrada. Precisamente nesta vía existe unha curva sen visibilidade nas inmediacións da parada do autobus escolar, co risco que conleva.
Para poñer fin a esta situación, o gurpo municipal do BNG ribeirés solicitou ó goberno que se acometan unha serie de melloras viarias na zona. Ademais do reforzo da sinalización correspondente, os nacionalistas solicitan a colocación de pasos de peóns e outros dispositivos que contribúan a reducir a velocidade do tráfico.
En canto ó cruce, ademais da sinalización horizontal e vertical precisa, os nacionalistas piden que se estude unha solución máis axeitada para unha intersección destas características, que podería ser a colocación dunha rotonda ou a dotación de semáforos.
Redacción Barbanza










