A ILLA > Mil quilos de navallas cociñaranse na segunda edición da festa de exaltación deste molusco. Nesta ocasión encárganse …
… da súa organización os clubs locais de piragüismo, ximnasia rítmica e baloncesto. A cita gastronómica foi presentada esta mañá no concello, que tamén colaborará coa infraestructura deste evento.
Os clubs de piragüismo, baloncesto e ximnasia rítmica da Illa de Arousa fanse cargo este ano da Festa da Navalla, que se celebrará este domingo e o mércores 25. Eses días abriranse as carpas de degustación no paseo marítimo do Xufre, das once da mañá ás dez da noite. A previsión é preparar mil quilos de navallas da ría de Arousa, e de bastante calidade, segundo os organizadores.
Trátase dunha cita importante para a promoción turística deste municipio, que podería atraer ata tres mil persoas, segundo as estatísticas da primeira edición. Un centenar de persoas estarán detrás desta festa, que estará ademais amenizada coa actuación de dous grupos folclóricos que lles cedeu a Deputación de Pontevedra.
Ademais de navallas á prancha, a 8 euros a ración, o menú componse tamén de empanada, a 2,5 € e paella, a 3,5 €, ademais de viños albariños, a 8 euros a botella, ribeiro a 5 euros e refrescos a un euro. A recadación servirá para financiar as actividades deportivas dos clubs organizadores.
Redacción Salnés