EU reclama o control dos vertidos para acabar coa contaminación do Umia

    iu_rioumia100_180707.jpgCUNTIS > EU considera que o problema de microcistina que hai na auga do encoro do Umia se debe á contaminación que padece este río…

    … A formación política leva dúas fins de semana percorrendo o seu cauce e ten detectado numerosos vertidos. Esta mañá amosounos un deles, nas inmediacións da depuradora de Meira, en Cuntis.

    Derribar o encoro e, ante todo, actuar sobre os numerosos vertidos é, segundo Esquerda Unida, a solución ós problemas de contaminación que hai no río Umia. Membros da agrupación comarcal desprazáronse esta mañá a Cuntis, nas inmediacións da depuradora de Meira. Precisamente a 20 metros desta infraestructura, por certo, sen funcionar desde hai tempo, está un dos numerosos vertidos detectados pola formación política, despois de dúas fins de semana de ruta polo río Umia.

    Esquerda Unida acusa ás administracións públicas de preocuparse só de cuestións de estética en vez de atallar o problema controlando e eliminando os vertidos. Precisamente, no momento desta visita, varios operarios limpaban as beiras do río nesta zona. Esta formación critica á Consellería de Medio Ambiente por non actuar pero tamén ós alcaldes por non facer máis presión. Para Esquerda Unida este é o problema máis importante que teñen agora as comarcas polas que pasa o río Umia, por iso acudirá novamente ó Parlamento Europeo para que tome cartas no asunto.

    Redacción Salnés