Traballadores da ITV denuncian que SyC lles obriga a adulterar as inspeccións

    folgaitv100_200707.jpgBARRO > Traballadores da ITV da provincia de Pontevedra denuncian que a empresa concesionaria lles obriga a adulterar as inspeccións

    … desde hai un ano.

    O secretario comarcal de CIG-Metal de Vigo, Manolo Simón, indicou hoxe que a compañía Supervisión y Control incita ós traballadores a cualificar os defectos graves como leves para baixar o índice de rexeitamentos e renovar a concesión en 2011. Así se pode ver nun dossier que lle fixeron chegar á CIG e que hoxe entregaron ós medios de comunicación nunha rolda de prensa celebrada na ITV de Curro, en Barro.

    As ITV da provincia seguen en folga e este dossier só vén a colmar o vaso destes traballadores, que queren deixar claro que eles non piden un aumento salarial. Si piden que se cumpra a lei nos exames dos vehículos, reclaman que se supriman as horas de traballo os sábados pola tarde. Propoñen que esas dúas horas e media se repartan pola semana, e queren negociar as vacacións. Denuncian incluso que teñen unha paga de producción camuflada que cobran só algúns, os que máis coches despachen na ITV. Denuncian tamén o encarecemento da tarifa da ITV que rolda os 50 euros, fronte ós 20 euros doutras comunidades.

    Son cuestións que consideran graves e por iso se viron obrigados a ir á folga, pese a que está a provocar atrasos nas inspeccións dos vehículos. Segundo indica Antonio Rosales, presidente do comité de empresa, ‘hai arredor de 7.000 coches sen ITV, a consellería non di nada e o peor é para os usuarios’. Por iso recomenda ós conductores afectados que fagan unha reclamación en Industria para poder ter un xustificante en caso de que os pare a Garda Civil de Tráfico, ‘porque o papel que dá a empresa non é un xustificante, só é unha cita da ITV’.

    O luns ás once e media da mañá concentraranse ante a delegación de Industria en Pontevedra para que lle abra expediente a Supervisión y Control e recupere a concesión, como xa se fixo noutras ITV do resto de España.

    Redacción Salnés