RIBEIRA> A confraría de Aguiño vén de engrosar a súa colección de maquetas cunha do Cartagena, cedida polo escultor Luís Crujeiras.Trátase dunha reprodución dun cerqueiro afundido en 1945 no que perderon a vida 23 mariñeiros de Carreira e Aguiño.
Ademais do seu grande valor artístico, a maqueta do Cartagena que vén de recibir a confraría de Aguiño da man do seu autor, Luís Crujeiras, pretende contribuír á recuperación da memoria histórica da parroquia a partir dun dos seus episodios máis negros.
Esta fermosa peza súmase á ampla colección de maquetas navais con que conta a confraría. A intención do pósito é remodelar a zona de exposición para dotar á confraría dun pequeno museo no que os viistantes poidan realizar un percorrido no tempo e na historia.
Dende a entidade, agardan poder facer realidade este proxecto a través dunha subvención do GALP coa intención de poder estrear museo de cara ó próximo ano, coincidindo co centenario da confraría.