Costas conxugará os usos turísticos co marisqueo nas praias de Rianxo

    xuntanzaeimilrianxo_100_230707.jpgRIANXO > Rafael Eimil reuniuse con representantes da Confraría de Pescadores para concretar distintos aspectos da rexeneración de praias en Rianxo.

    As praias do Pazo, Tanxil, Porrón, As Cunchas, A Torre e Taragoña serán as beneficiadas por esta actuación financiada polo Ministerio de Medio Ambiente cunha subvención próxima ós nove millóns de euros.

    As obras consistirán basicamente no aporte de áridos para recuperar e poñer en valor estas zonas costeiras que sufriron unha importante perda de area nos últimos anos. O xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, sinalou que a actuación podería iniciarse a finais do verán, previsiblemente no mes de setembro.

    Con esta actuación de rexeneración dos areais rianxeiros o Ministerio de Medio Ambiente pretende conxuga-los usos das praias: o marisqueiro e o turístico.

    Limpeza dos lodos

    Rafael Eimil fixo alusión tamén ós traballos de limpeza de lodos que se están a desenvolver actualmente na praia da Torre a través da empresa Tragsa, e que está a levar a cabo en colaboración coa Consellería de Pesca.

    Este areal aínda segue afectado polas riadas do pasado inverno e o arrastre de cinza e lodo dos montes arrasados polos lumes, polo que a súa productividade marisqueira hoxe é escasa. Durante a súa intervención o rexedor rianxeiro aludiu á boa disposición existente entre tódolos sectores implicados.

    Redacción Barbanza