Afectados pola EDAR tentan, sen éxito, trasladar as súas protestas ó presidente da Xunta

    RIBEIRA> Aproveitando a presenza do presidente da Xunta en Ribeira, os afectados pola depuradora protestaron ás portas da lonxa onde se celebraba a presentación. A pesar dos reiterados intentos por facerlle chegar o seu malestar non puideron falar con ningún representante autonómico. De aí, a súa indignación. Case un ano levan os veciños dos Areeiros padecendo as molestias da posta en funcionamento da EDAR de Ribeira. Denuncian non só cheiros senón tamén a emisión de gases contaminantes que están a ocasionar un claro prexuízo á súa saúde. A súa intención era conseguir achegarse ó presidente ou a algún outro representante do goberno autonómico para trasladarlle o seu malestar e esixir a toma de medidas. Sen embargo, tan só conseguiron falar con algún responsable municipal que lles informou de que se están a acometer actuacións para solventar as deficiencias. Argumentos que non convenceron ós afectados que seguirán a protestar ata conseguir recuperar a calidade de vida nas súas vivendas.