O BNG acusa ó PP de meter sen o seu consentimento a 7 persoas do Salnés nas listas do País Vasco

    VILAGARCÍA > O BNG do Salnés afirmou hoxe que hai sete persoas nesta comarca supostamente incluídas no proceso de elaboración de listas do PP no País Vasco, sen o seu consentimento…

    … Cinco delas son do Grove, e as outras dúas da Illa de Arousa.

    correa_lobeira_300_230707.jpgNacionalistas e socialistas manifestáronse sobre este asunto e reclamaron unha intervención pública dos responsables do Partido Popular. ‘É importante que Núñez Feijóo e Rafael Louzán digan publicamente que abrirán unha investigación e digan que persoas foron responsables de trasladar datos de Galicia ó País Vasco para sacar algo en claro’, afirmou hoxe o deputado autonómico do BNG, Bieito Lobeira. Do mesmo xeito se manifestou o sábado o coordinador provincial do PSOE en Pontevedra, Modesto Pose: ‘O señor Louzán ten que falar e dicir quen foi responsable do que pasou no Grove e dar a cara’.

    Tanto PSOE como BNG entenden que este é un caso claro de corrupción política e non entenden como a Fiscalía non actúa de oficio. ‘Recomendámoslle á Axencia de Protección de Datos que mire se hai tema para intervir, e ó Fiscal Xefe de Pontevedra dicímoslle que tamén pode actuar de oficio’, indica o socialista Modesto Pose. Tamén Duarte Correa, coordinador do BNG no Salnés entende que ‘hai suficientes indicios para que a Fiscalía actúe de oficio como fixo noutras cuestións menos importantes que esta vulneración dun proceso electoral e dos dereitos das persoas’.

    ‘CORRUPCIÓN POLÍTICA’

    Bieito Lobeira foi incluso máis crítico: ‘o Partido Popular actúa como unha mafia siciliana, non lle interesa a xente’. Cre que isto é un ‘caso claro de corrupción política’, no que o PP demostra ‘unha absoluta falta de escrúpulos, que está disposto a calquera cousa e que só lle interesa o poder e gañar as eleccións. Segundo o deputado nacionalistas, ‘aquí hai falsificación de documentos públicos, hai delictos cometidos por xente do PP e nós queremos investigar e clarificar’. Vai máis alá e di incluso que o BNG fai ‘responsables políticos’ deste caso a Rafael Louzán e a Núñez Feijóo.

    O BNG levará ademais o asunto ó parlamento de Galicia e ó Congreso dos Deputados. Na cámara galega pedirán en setembro a comparecencia da directora xeral de Administración local e solicitarán formalmente a intervención da Axencia de Protección de Datos. E a través do Goberno central tratarán de que a Fiscalía investigue o caso.

    Redacción Salnés