O economista Manuel Fontaíña asume a xerencia do Liceo Casino

xerenteliceovilagarcia100_230707.jpgVILAGARCÍA > Manuel Fontaíña é o novo xerente do Liceo Casino de Vilagarcía. Licenciado en Económicas, a nova fichaxe …

… do equipo que dirixe Álvaro Paz, vén a substituír a Cruz López. A directiva presentouno esta fin de semana como unha ‘figura esencial’ para o proxecto de futuro que ten a entidade.

Este vigués de 32 anos, aporta, pese á súa xuventude, experiencia profesional na xestión de unidades de negocio e chega a Vilagarcía coa intención de apoiar ó Liceo, sobre todo, na busca de patrocinadores e na xestión dos recursos internos. Fontaíña destaca que existe unha converxencia entre a directiva e a xerencia.

A entidade baralla varios proxectos. A partir de setembro porase en marcha o novo programa cultural, daráselle contido á páxina web que xa está deseñada e incorporaranse as novas tecnoloxías ó ámbito da xestión, ademais de facilitar o acceso a Internet ós socios. Para darlle un impulso a esa imaxe moderna que quere implantar a sociedade vénse de adxudicar o deseño dunha nova imaxe corporativa que esperan ter en setembro.

Redacción Salnés