Unha nena de tres anos en coma e outras dúas persoas feridas nunha colisión en Vilanova

VILANOVA> Unha nena de tres anos resultou ferida grave despois de que o turismo no que viaxaba chocase contra un autobús escolar, en Vilanova. A súa nai e un dos rapaces do autocar tamén resultaron feridos. A colisicón produciuse despois de que instantes antes se producise outro choque entre dous turismos. A pequena permanece en coma.

O accidente tivo lugar en Deiro, preto da saída da ponte da Illa, en dirección a Cambados. Unha menor, de tres anos, resultou ferida de gravidade e tivo que ser trasladada en helicóptero ó Hospital de Santiago. Segundo as últimas informacións, permanece en coma.

A pequena viaxaba coa súa nai neste turismo que, pasadas as 9 desta mañá, impactaba contra este autobús escolar. A muller, de 26 anos, e un dos nenos que viaxaba no autocar tamén resultaron feridos. Ambos foron trasladados ó Hospital do Salnés.

A orixe do sinistro está noutro accidente previo: unha colisión entre dous turismos sen maiores consecuencias. Seica cando viu ese sinistro, o chofer do bus reduciu a súa velocidade ata case deterse por completo.

E ese impacto puido se-lo resultado de varios factores. Segundo explicou a condutora do turismo, non foi quen de reduci-la velocidade e que, ademais, o sol deslumbrouna e non foi quen de reaccionar.

A pequena de tres anos viaxaba na cadeira homologa. Segundo algunhas fontes, a súa cabeza acabou impactando nunha táblet que ía vendo.

No momento da colisión, no interior do autocar viaxaban 14 escolares, camiño do colexio dos Salesianos de Cambados. Tras evacuar ós feridos, o resto de rapaces foron trasladados ó centro educativo noutro autobús.