RIANXO > Os socialistas volveron elixir Rianxo para celebra-lo Día de Galicia. Touriño foi o encargado de realiza-la ofrenda floral ante o busto de Castelao
Centos de simpatizantes e militantes do Partido Socialista agardaban no Paseo da Ribeira a Emilio Pérez Touriño para asistir ó acto organizado por esta formación política co gallo da celebración do Día de Galicia.
A Rianxo acudiron pesos pesados do PSOE como é o caso de varios Conselleiros; entre eles os de Traballo, Medio Ambiente, Economía, Sanidade e Pesca que coa suá presenza quixeron darlle unha maior importancia ó acto.
Tamén acudiron a Rianxo varios deputados como Ismael Rego, Antón Louro ou Domingo Tabuyo, así como tamén alcaldes de distintos concellos da Ría de Arousa e doutras zonas de Galicia.
Ofrenda floral
O acto iniciouse cunha ofrenda floral ante o busto de Castelao no Paseo da Ribeira, baixo os acordes do Himno do Antigo Reino de Galicia. Os encargados de realizala foron precisamente o secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño, e o propio alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, para posteriormente dar paso ó acto político cun turno de intervencións.
Foi precisamente o rexedor rianxeiro o primeiro en toma-la palabra. Piñeiro Hermida fixo referencia á importancia do feito de que a familia socialista se reúna cada 25 de xullo en Rianxo para celebra-lo Día de Galicia.
Autogoberno e compromiso coa cidadanía
En Rianxo, o Secretario Xeral dos Socialistas Galegos manifestou o compromiso que o PSdeG-PSOE ten cos valores galeguistas que se traducen, segundo el, na vontade de traballar de cara á construción dunha Galicia renovada.
Emilio Pérez Touriño iniciou a súa intervención facendo referencia á emigración, para os que tivo un especial recordo, aludindo á necesidade de recoñecerlle os seus dereitos e que poidan votar con tódalas garantías.
En Rianxo o líder dos Socialistas Galegos referiuse ó compromiso do seu partido con Galicia. Proba diso foron, segundo el, as políticas levadas a cabo nestes anos dende a Xunta, que apostan polo autogoberno e o diálogo coa cidadanía.
De cara ós próximos dous anos que restan de lexislatura Pérez Touriño sinalou que seguirá afondando no cambio, adiantando iniciativas lexislativas tan importantes como a lei galega de Saúde, a lei da Paisaxe ou accións de goberno como o novo Plan de Formación Profesional, o Consorcio da Lingua Galega e as directrices de ordenacion do territorio.
Redacción Barbanza