Premios e obras por todo o mundo e unha gran demanda de traballo desde Europa son as principais bazas da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra. Hoxe comezou un novo curso e na súa inauguración estiveron o director do centro e o presidente do organismo provincial.
A Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra iniciou hoxe o novo curso escolar, con 44 alumnos inscritos. Nove deles acceden por primeira vez a este centro, único na súa modalidade en Galicia. E de ensalzar as súas cualidades encargáronse esta mañá o presidente da Deputación, e o director da escola. Premios e obras repartidas por todo o mundo, as máis lonxanas, na Antártida e en Filipinas; a última, unha das máis altas do mundo con 15 metros, foi inaugurada na Fortaleza, en Brasil e recibiu a medalla Boticario Ferreira. Pero outra mostra do éxito que está a ter esta escola está nas ofertas de emprego que reciben os seus alumnos, sobre todo desde Europa.
Director e presidente da Deputación desexaron sorte ós alumnos e ós recén incorporados pedírolles traballo para aprender este oficio. Ademais, Rafael Louzán, anunciou que a partir deste ano o centro entrará no circuito de visitas escolares promovidas pola Deputación.
Trala inauguración, alumnos e profesores puderon escoitar a conferencia inaugural a cargo de Carlos Acuña.