![]()
VILAGARCÍA > No verán as praias énchense de xente e en zonas marisqueiras iso é, moitas veces, sinónimo de problemas…
… Os mariscadores teñen os seus máis e os seus menos cos bañistas que lle botan a man ás ameixas ou berberechos que vén na area. Iso provoca tensións e como pasou hoxe en Vilagarcía, mesmo ten que intervir a policía para poñer calma.
A praia Compostela reúne a diario a turistas e mariscadores, dous veciños, que non sempre se levan ben. Dúas patrullas dos corpos de Policía Nacional e Local de Vilagarcía tiveron que achegarse esta mañá á praia Compostela para poñer calma. Ó parecer, segundo testemuñas presenciais, un dos bañistas increpou a unha das vixilantes da Agrupación de Mariscadores de Carril, dicíndolle que estaban enturbando a auga e que nunha praia de bandeira azul, non debían de mariscar alí no verán. Varios bañistas sumáronse á protesta acurralando á vixilante ata que se presentaron as forzas de seguridade.
Segunda puido saber Tele Salnés Barbanza, parece que a disputa tiña como orixe unha recriminación anterior por parte dos vixilantes a unha das bañistas por intentar coller o marisco sementado na praia. Estas testemuñas apuntaron que o incidente se produciu na zona central da praia, que auga estaba limpa nese momento, e que as mariscadores estaban faenando no estremo do areal.
Redacción Salnés









