O PSOE denuncia que a Xunta ‘discrimina’ á Illa ao non acometer melloras no CEIP Torre Illa

A ILLA> O PSOE denuncia o mal estado do colexio Torre Illa, na Arousa. O alcalde insular cifra en medio millón de euros o investimento que ten que facer a Xunta nas instalacións para poñelas ao día. Xunto o deputado socialista Julio Torrado, Luis Arosa denunciou que é o concello o que leva anos asumindo todas as melloras que precisa o centro, ata o cambio de cubertas. Esta mañá denunciaron o lamentable estado de varios aseos, zonas cheas de humidade e mesmo a presenza de amianto.

Son diversas as eivas que ten o CEIP Torre Illa. Hoxe, o alcalde insular visitou as instalacións xunto co deputado socialista no Parlamento Galego Julio Torrado. Ambos denunciaron a falta de investimento por parte da Xunta nestas instalacións.

Lamentan o agravio comparativo con outros centros da zona, citando a concellos gobernados polo PP, como Sanxenxo ou Vilanova.

O alcalde en medio millón de euros o investimento preciso neste colexio para equiparalo a outros da contorna. En concreto, Luis Arosa denuncia o lamentable estado de varios aseos do colexio, a falta de accesibilidade nalgúns dos pavillóns ou incluso a presenza de amianto nalgunhas das cubertas.

Unhas eivas que o PSOE tentou subsanar a través dunha emenda aos orzamentos da Xunta para 2024.

Porque, coinciden Torrado e Arosa, os concellos están asumindo máis das súas competencias ante o desleixo da Xunta xa que, lembran, a administración local só debería investir en centros educativos para pequenas intervencións ou tarefas de mantemento, non para a renovación de tellados ou cuartos de baño.