O PP critica ó goberno por outorgarlles só unha dedicación exclusiva

    telmomartinroldaprensa_100_030807__still_001.jpgPONTEVEDRA > O goberno bipartito de Pontevedra contará con 10 edís con dedicación exclusiva. A estas súmase a do portavoz da oposición

    … , Telmo Martín que cobrará o mesmo que os concelleiros, case 44.000 euros brutos ó ano. Pese a isto, esta repartición non sentou ben a Telmo que esta mañá deu unha rolda de prensa na que acusou ó goberno pontevedrés de chantaxista e de só interesarlle os cartos.

    Na reunión celebrada onte entre Casal, Lores e Telmo non se chegou a acordo en relación ó numero das dedicacións exclusivas que se lle outorgarán á oposición. Telmo Martín asegura que nun primeiro momento se falara de tres dedicacións para o Partido Popular e non está de acordo en que agora só se lle queira outorgar unha e ameazou con non asistir a ningunha reunión de portavoces se o goberno leva a cabo esta decisión.

    Fernández Lores contestou ás palabras da oposición alegando que o goberno fixo o que Telmo demandaba no último pleno: que se rebaixasen as dedicacións exclusivas e os soldos. O alcalde tamén dixo que nas reunións de portavoces celebradas entre onte e hoxe ofrecéuselle á oposición a posibilidade de contar con dous membros con dedicación exclusiva pero que ante a negativa de Telmo Martín de chegar a acordo decidiron outorgarlles só unha.

    Finalmente o equipo de goberno terá 8 concelleiros con dedicación exclusiva cun soldo bruto ó ano de case 44.000 euros: os nacionalistas César Mosquera, Guillerme Vázquez e María Xesús López Escudero e os socialistas María del Pilar Castejón, Antonio García Lores, Celia Alonso e Jose Manuel Valcárcel. O alcalde mantén o soldo xa establecido no pleno do pasado día 20 de xullo por algo máis de 64.400 euros e a primeira téntente alcalde, Teresa Casal, recibirá algo máis de 58.000 euros brutos ó ano. No caso de quedar a oposición cunha soa dedicación exclusiva será para o portavoz, Telmo Martín, que cobrará ó ano case 44.000 euros.

    Redacción Salnés