Ribeira lembra á moza asasinada cunha multitudinaria e emotiva concentración

RIBEIRA> Centos de veciños sumáronse a pasada noite á concentración en memoria de Andrea Yturry, a moza de Ribeira asasinada pola súa ex-parella. Está prevista unha nova xuntanza para esta tarde en Palmeira, convocada por Mulleres en Acción.

Ribeira enmudecía a pasada noite durante esta concentración en lembranza de Andrea, a veciña asasinada pola súa exparella o martes en Palmeira. Así, en silencio, centos de persoas quixeron renderlle unha homenaxe e expresar a súa repulsa a este crime machista que conmocionou a toda a vila.

O sepulcral silencio rompeuse tan só para dar lectura a un manifesto elaborado pola Centro de Información á Muller apelando á unidade da sociedade para loitar contra a violencia de xénero en tódalas súas expresións.

O acto rematou cun minuto de silencio en memoria de Andrea, cuxo nome foi gravado xa no monolito Vidas Fendidas da praza do concello que tristemente suma unha nova liña xunto a outras mulleres vítimas da violencia machista.