Un accidente provoca un colapso de tráfico durante horas na AC-305

    accidentecamintaragoa_171.jpgRIANXO > O accidente producíase este mediodía, ó redor das dúas da tarde, na estrada AC-305, que une Padrón con Ribeira, á altura de Taragoña.

    No sinistro, que tiña lugar nas coñecidas curvas de Outeiro na parroquia rianxeira de Taragoña, veuse implicado un camión de gran tonelaxe da empresa Grupo Tráfico, que se encarga do transporte de mercadorías. A pesar da aparatosidade do accidente non houbo que lamentar vítimas, resultando o condutor do vehículo ileso. Ata o lugar do accidente achegáronse axentes da Policía Local e da Garda Civil de Rianxo e de Protección Civil, así como tamén axentes da Garda Civil de Tráfico, que se encagaron de regula-la circulación durante máis de catro horas. Para a retirada do vehículo da estrada foi necesaria a presenza dun guindastre de gran tamaño. A consecuencia da operación de rescate do vehículo procedeuse ó peche dos dous carrís ó tráfico durante varias horas o que provocou grandes retencións na zona. Este accidente volveu a reabri-lo debate polo peche da vía rápida, xa que provocou a indignación de numerosos condutores, atrapados nun longo e desesperante atasco, ó se-lo único vial, na actualidade, de entrada e saída para a comarca do Barbanza.

    Reapertura progresiva

    O peche da via rápida do Barbanza, que está a ocasionar numerosas molestias ós condutores que diariamente circulan pola comarca, deixou de ser indefinido tralo anuncio realizado esta mañá ante o pleno do Parlamento pola Conselleira de Políica Territorial. María Xosé Caride, anunciou que a partir do próximo mes de febreiro procederase á reapertura progresiva de determinados tramos da estrada e os cortes rematarán definitivamente antes do próximo verán. Deste xeito, o proxecto de desdobramento da vía autonómica en autovía establece cortes durante un periodo máximo de trece meses, fronte ós dezanove que establecía o anteproxecto inicial, aprobado polo Partido Popular cando ostentaba o goberno do xunta de Galicia.

    Numerosas molestias

    A titular de Obras Públicas é consciente das molestias que está a ocasionar o peche da principal vía de circulación do Barbanza pero lembrou que os cortes son inevitables para a execución materias das obras en condicións de seguridade. A conselleira insistiu ademais en que os peches foron planificados de xeito rigoroso e minimizando os riscos tanto para os usuarios da vía como para os traballadores nas obras de desdobramento. Agora, o obxectivo é conseguir que a reapertura ó tráfico se efectúe en condicións seguras con capa de rodadura sobre aglomerado, en lugar de zahorra artificial ou chan de cemento. Redacción Barbanza.

    Redacción Barbanza