Unhas mil catrocentas persoas confraternizarán na Festa do Pan

pan_presentacion100_030807.jpgRIBADUMIA > Potenciar o pan e a riqueza patrimonial do municipio, pero tamén a confraternidade entre os veciños

… Estes son os obxectivos da Festa do Pan de Ribadumia, que chega xa á súa sexta edición. O programa foi presentado esta mañá na mesma carballeira onde se celebrará a festa o vindeiro día 11.

pan_presentacion200_010807.jpgUnhas mil catrocentas persoas reuniranse o vindeiro día 11 na Carballeira de Ribadumia para celebrar a Festa do Pan. O Concello presentou hoxe a programación desta sexta edición dunha celebración que xa está arraigada no calendario de citas gastronómicas do Salnés. O pan, como alimento básico, e os muíños, como parte da memoria histórica deste municipio, serán os protagonistas desta festa.

Os escenarios desta festa serán a Carballeira de Ribadumia e os Muíños do Batán. Ás oito e media será a saída cara os muíños de Batán amenizada polo grupo de gaitas Aresta, de Ribadumia. Alí farase a moenda de millo branco coa actuación das Cantareiras do Alecrín. Con esa fariña farase, na Carballeira, unha representación teatral da elaboración do pan de millo. Logo actuará o Coro parroquial Santa Baia de Ribadumia e coñeceranse os gañadores do concurso de postres. Entregados os premios comezará a degustación de diversas variedades de pan e, a partir das dez da noite, celebrarase a cea de confraternidade, con pan e viño tinto gratis. Como remate, verbena coas actuacións de Montse e Luís Queimada e Azúcar.

Este ano, como novidade, incluíronse no cartel dúas actuacións no Auditorio Municipal, o vindeiro venres estará o pianista Juan Carlos Cambas e o sábado 16 Lorena Lores.

Redacción Salnés