![]()
RIBEIRA > A Plataforma pola Defensa de Corrubedo celebrou unha xuntanza para informar das actuacións proxectadas no Plan Acuícola de Galicia.
Entre elas, figura a construción da maior piscifactoría de Galicia na zona de Corgo-Laxe Brava, de gran valor medioambiental. Diversos expertos deron conta das nefastas consecuencias que tería sobre o ecosistema a posta en marcha destas instalacións.
O proxecto incluído no Plan Acuícola de Galicia contempla a construción dunha piscifactoría de 308 mil metros cadrados, nas inmediacións do Parque Natural de Corrubedo, declarado Lugar de Interese Comunitario.
Ó gran impacto medioambiental, hai que engadir as consecuencias económicas, dado que se trata dunha zona de enorme riqueza marisqueira, e social, posto que sería necesario proceder á expropiación da maior parte dos terreos.
Campaña informativa
Na actualidade, a Plataforma está a traballar nas alegacións a presentar en contra deste plan. Mentres tanto, xa se teñen realizado diversas accións, principalmente de carácter informativo, así como unha campaña de recollida de sinaturas en apoio ás súas reivindicacións.
A voceira da plataforma, María Santos, destaca ademais a incongruencia que suporía a instalación desta piscifactoría nunha zona que a propia Xunta pretende declarar neste ano como espazo protexido. Por iso, solicitan a urxente creación dun plan de Ordenación e de Usos dos Recursos Naturais que permitan a conservación deste espazo único.
Na actualidade, o proxecto do Plan Acuícola de Galicia atópase en fase de exposición pública. Haberá que agardar ata finais de mes para coñecer a resolución da administración autonómica despois de estudar tódalas alegacións presentadas.
Os afectados, tanto pola piscifactoría do Corgo, como pola ampliación das prantas de Seráns e Couso, agardan que as súas reivindicación sexan escoitadas polos responsables autonómicos co fin de botar atrás un proxecto que consideran un ‘atentado contra o medio ambiente’.
Redacción Barbanza










