Sanidade solicita reformas urxentes na praza de abastos de Ribeira

    RIBEIRA > A delegada provincial da Consellería de Sanidade, María Asunción Tomé Martínez de Rituerto, visitou esta mañá o concello de Ribeira para inspeccionar as instalacións do matadoiro municipal, a praza de abastos e a lonxa. A representante autonómica comprobou ‘in situ’ as importantes deficiencias existentes nas dependencias municipais que deberán ser reformadas para adaptarse á nova normativa hixiénico-sanitaria da Unión Europea.

    A delegada provincial percorreu as instalacións do matadoiro municipal recentemente clausurado polas importantes deficiencias que presentaba o recinto tanto na súa estrutura como nas condicións de traballo no que se desenvolvía a súa actividade. Martínez de Rituerto corroborou a precaria situación das instalacións da que xa tiña coñecemento a través dos informes elaborados polos técnicos veterinarios. Neste sentido, explicou que o concello deberá acometer unha serie de reformas urxentes para adaptarse á normativa e, unha vez, cumpridos os requisitos necesarios a Xunta de Galicia autorizará a reapertura do edificio.

     A delegada desprazouse posteriormente á praza de abastos que tamén presenta unha serie de deficiencias importantes que, dende hai tempo, veñen sendo denunciadas polos seus usuarios. A intención da Consellería é instar ó executivo a que acometa as melloras precisas para acondiciona-las instalacións nun breve período de tempo para evitar o posible peche polo incumprimento das garantías hixiénicas.

    Durante a súa visita á lonxa municipal, María Asunción Tomé, sinalou que o estado das instalacións é aceptable no seu conxunto aínda que destacou un aspecto negativo. Este reside nos viveiros do marisco que tiveron que ser pechados debido a que utilizaban auga da dársena onde frecuentemente se rexistran vertidos contaminantes.

    Redacción Barbanza